O vindeiro 6 de novembro, a sede da CEP acollerá unha xornada organizada pola Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo adicada ao uso práctico da Intelixencia Artificial.
A IA xa forma parte do día a día de moitas empresas e postos de traballo. Coñecela, entender os seus límites e saber aplicala con criterio converteuse nunha competencia profesional máis, tanto para quen traballa como para quen busca emprego.
Con este enfoque, FUNGRATRA organiza esta xornada como parte do seu compromiso coa formación, a empregabilidade e a adaptación das empresas e das persoas na transformación dixital.
📅Data: 6 de novembro
⏲️Horario: de 10h a 12h
📍Lugar: Sede da CEP
A xornada comezará cunha introdución práctica á IA xerativa: Qué pode aportar no posto de traballo e qué limites convén ter presentes. A continuación, un obradoiro aplicado mostrará usos concretos como a redacción e mellora de currículos, a preparación de entrevistas, a elaboración de cartas de presentación, a organización de tarefas, a creación de contidos profesionais, o resumo de documentos ou a mellora das comunicacións por correo electrónico, sempre dende un uso responsable e seguro destas ferramentas.
O programa completarase con casos prácticos por perfís profesionais, entre eles a administración, comercio, atención ao público, formación, xestión de entidades, orientación laboral e apoio técnico.